Este é o Blog da asociación de nais e pais do colexio Cabo da Area de Laxe, aquí informaremos das iniciativas que vaiamos realizando ao longo do curso. Intentaremos manter este espazo o máis actualizado posible.
Hoxe, aínda que a
gran maioría xa o sabedes, pois as boas noticias logo chegan, informamos que o
pasado venres día 18 de outubro, por fin, a Xunta designou a praza do docente
de Audición e Linguaxe (AL) e, para
mellorar a semana, tamén nos foi aprobado o PROA, co cal, neste curso, conseguimos os recursos necesarios e que
nos corresponden por LEI, iso si,
despois de máis de un mes de escola.
Todo isto foi a
base de loita, unha loita por un DEREITO
que quixeron arrebatarlle aos nenos, e non sería posible sen a colaboración de
todos e todas os que apoiaches todas as reivindicacións e que, dunha maneira ou
doutra, estiveches cos nenos en todo momento.
Por iso, hoxe e
sempre, desde a ANPA Cabo da Area, queremos DAR AS GRAZAS a todos os que fuches partícipes dalgunha maneira.
A tódolos e tódalas
pais, nais, amigos e veciños que nos acompañaches desde o inicio nas
convocatorias, que alzaches a voz polos nenos, que fixeches ruído xunto con
nós.
A toda persoa da
comunidade educativa e externa que asinou para solicitar o docente de AL, que
xa vos explicamos a moitos a vital importancia del.
Á dirección do centro,
porque sabemos que non foi sinxelo para eles e tamén loitaron por ilo.
Á corporación municipal,
que se posicionou publicamente ao lado das familias e ao resto dos partidos,
dos cales tivemos o seu apoio, a súa preocupación e non deixaron de loitar por
nós.
Temos un especial
agradecemento a Dani Pérez, por levar como levou o noso caso ao Parlamento
Galego, por como loitou polo dereito dos nosos nenos, polas súa verbas que nos
emocionaron.
Por iso, algunhas
desas verbas, deixámosvolas hoxe aquí, para que non se esqueza.
As verbas de Dani Pérez no Parlamento
Queremos destacar a
importancia de que as autoridades competentes cumpran co seu cometido, que é
dotar aos centros educativos dos recursos necesarios e así garantir unha
adecuada atención e o progreso de todo o alumnado. Non debería ser obriga das
familias protestar e reivindicar, ano tras ano, o dereito dos nosos fillos a
unha educación de calidade.
Agardamos que esta
situación serva para que as autoridades tomen conciencia de que a súa xestión
non está sendo axeitada, levando consigo a que máis da metade dos centros da
Costa da Morte se mobilizaran na defensa dunha mellor xestión dos recursos
educativos.
Aquí vos deixamos o manifesto que limos na concentración do día 11/10/2024.
Seguimos en loita, non paramos e non temos pensado facelo. Queremos que se compartan as nosas verbas, que se saiba a realidade. Non calemos, é o que queren.
AL É UN DEREITO, NON UN PRIVILEXIO!!
Lectura do Manifesto
Boa tarde a todos e
todas.
Hoxe, tristemente,
estamos aquí por segunda vez para defender os dereitos dos nosos fillos e
fillas.
A nosa presenza é,
lamentablemente, unha necesidade, pois despois de un mes xusto desde o inicio
do curso escolar, o noso centro segue sen contar co profesorado tan necesario
de Audición e Linguaxe (AL). Parece ser que a administración prefire ignorar o
problema abandonando a aqueles nenos que máis apoio necesitan.
ASÍ É SEÑORES E
SEÑORAS!! Estamos asistindo, en vivo e en directo, á morte anunciada da educación inclusiva, vítima dunha neglixencia
crónica por parte das autoridades.
Por iso seguimos,
enfrontándonos a unha administración que semella tan ausente como o profesorado
que NON ENVÍA.
Os mestre de AL non
son meres apoios como nos queren facer crer, senón que son uns profesionais
cruciais, moi importantes, para o desenvolvemento, a integración e o benestar
dos nosos fillos.
Por iso a nosa loita, por manter o que nos
corresponde PORLEI e PORDEREITOS.
Sen embargo, a pesar da súa importancia, a
pesar do dereito que teñen os nenos e da obriga que teñen as administracións
por lei de mandalo ao centro, o conselleiro de educación non fai máis ca
mentir.
No congreso e en directo, diante dalgunhas
das familias dos nosos nenos, preferiu evadir o tema falando da AP9 e doutros
temas que nada teñen que ver coa educación e menos con este tema en concreto.
Non quere falar do tema, négase, porque sabe que está incumprindo a lei, sabe
que temos DEREITO e xa sabía que non o ía mandar. Tamén dixo que en Laxe
tiñamos un PT de máis, como se iso resolvese o problema e dándose golpes de
peito, como se lle tiveramos que agradecer que nos manda máis recursos dos
necesarios, que afortunados somos!!!,
e dicir que non, que iso é FALSO,
minte e minte, e, como sempre, mintamos
que algo queda. Por que dicimos e sabemos que é mentira? Porque en
primaria temos un PT, certo, e en secundaria outro. Pero iso señor conselleiro,
é por lei por ser un CPI, centro público integrado.
Iso está no seu catálogo, no catálogo asinado por educación da Xunta xunto cos
sindicatos e que é público e todos podemos ver.
Parece que non ten coñecemento que un AL e
un PT teñen funcións totalmente diferentes, non son o mesmo, pero iso, señor
conselleiro de educación, non ver a diferenza entre ambos, di moito do cargo
que ocupa.
Tamén
minte o señor presidente da Xunta, pois aínda saía dicindo onte na prensa que
aumentaran os docentes nos centros mentres que os alumnos diminuíran, que se
melloraran os ratios e achaca a falta dos AL e PT nos centros galegoss á
tardanza do profesorado do Programa Europeo para a Orientación (PROA). Temos
que dicir que os problemas que estamos tendo desde o inicio do curso escolar
señor presidente, non, non son porque aínda non chegara o PROA, pois sabe de
sobra que acostuma vir en outubro e marcha antes da finalización do curso, a
cuestión é que outro docente que SI
que tiña que enviar a Xunta e desde o inicio do curso tan importante como o AL,
aínda non chegou e dada a resposta do seu conselleiro no parlamento, non ten
traza de chegar nestes días. Un recurso que non depende dos ratios do
alumno/mestre, senón que depende das necesidades, as cales lle foron
transmitidas e foron ignoradas por vostedes. E sabe que a lei di que teñen que
enviar dito mestre si ou si.
Por iso señores e señoras, HAI QUE LOITAR, que non recorten, que
cumpran a lei, non pedimos nada extraordinario, só unha educación digna e
inclusiva.
E como o señor conselleiro sabe que minte,
desvía os temas a outros como a AP9, temas que nada teñen que ver coa situación
real dos nosos nenos, agardando que nos distraiamos con esas historias, que
calemos, que veña a calma entre os pais e así queda todo no esquezo. Pois non,
así non se calman as augas, por iso continuamos coa nosa reivindicación. Non
nos vai despistar e non imos permitir que se continúe ocultando as carencias
educativas que afectan ao máis prezado que temos, os nosos fillos e fillas.
E así, mentres a administración decide
xogar ao despiste, os nosos nenos e nenas están perdendo valiosas oportunidades
de aprendizaxe e socialización. A falta de profesorado de AL supón unha brecha
inxusta na súa formación e afecta tamén ao resto do alumnado e profesorado,
pois un centro incompleto non pode
ofrecer un ensino de calidade.
Este é UN PROBLEMA REAL e a solución non pode ser ignoralo ou finxir que
non é tal.
Semella que a educación inclusiva da que
tanto presume nos discursos non é máis ca unha mentira cómoda para calmar
conciencias. Por iso vimos nos xornais titulares de novas anunciando
contratación de docentes, pero preguntémonos onde están eses docentes.
Ben, o que nos preguntamos é, se así é
como saen nas novas a nivel Galicia, por que a nivel local non fan máis ca saír
centros de toda Galicia con recortes en profesorado? Por que non, non somos nós
só, está toda Galicia, as catro provincias, tamén nas cidades como Santiago, A
Coruña, Vigo, Pontevedra e os que non sabemos.
Isto déixanos
sensación de impotencia, pois as novas da falta de recursos só saen nos xornais
a nivel local, ocultando unha realidade sombría do que realmente está
acontecendo. As autoridades teñen unha falta de compromiso pola súa parte cando
son os que deberían velar polo benestar educativo.
Preguntémonos entón, que clase de inclusión é esta que se predica tanto nos discursos
oficiais, pero que morre no día a día dos nosos centros educativos?
ESTAMOS FARTOS DE PALABRAS VALEIRAS E DE PROMESAS INCUMPRIDAS
Non queremos titulares que pinten un
panorama ideal, queremos SOLUCIÓNS REAIS
E INMEDIATAS PARA OS NOSOS FILLOS E FILLAS.
Non deixaremos que a educación inclusiva
se converta nun mero eslogan sen
contido, queremos que sexa unha realidade. Non pararemos ata que o noso centro
conte cos medios necesarios para garantir que cada neno e cada nena reciba a
atención que merece. Estamos aquí, non só polos nosos fillos e fillas, senón
tamén polo dereito de todos a unha educación
xusta e completa. E se temos que continuar manifestándonos seguiremos,
faremos ruído, queremos que se nos escoite, que se escoiten as
necesidades
reais dos nenos e, algo moi simple, QUE
SE CUMPLA A LEI! Se temos que estar aquí tódolos días, aquí estaremos. Non
imos aceptar máis escusas nin máis evasivas.
Estimados pais e nais dos alumnos do C.P.I. Cabo da Area de Laxe.
Esta nota é para informarvos da recente renovación do equipo da Xunta Directiva
da ANPA Cabo da Area para o curso 2024/25.
Somos un equipo novo con moita ilusión e ganas de levar a cabo diversos
proxectos e actividades para mellorar a calidade educativa dos nosos fillos e
fillas.
Como faremos isto?
Pois queremos que os antigos socios sigan continuando na ANPA e, se aínda
non es socio, gustaríanos que nos deras un voto de confianza facéndote, porque
xuntos poderemos levar a cabo as ideas e os proxectos que xuran e ter así
capacidade de traballo para xerar cambios e que estes sexan visibles.
A cota para formar parte da ANPA é de 15€
con carácter anual.
Necesitamos o teu asociacionismo para poder dispoñer de orzamento e que así
sexa posible a organización de actividades para o alumnado do centro. Non
queremos ter ideas e que queden niso, en ideas, queremos conseguir que a
execución das mesmas sexa posible, pero só será posible xuntos.
Queremos ser un ANPA dinámica, que resolva problemas educativos como os que
nos están afectando agora mesmo polos recortes sufridos en educación e que, ao
mesmo tempo, faga algunha dinámica co alumnado, para que connosco tamén o pasen
ben, desfruten e se formen.
Comezamos esta nova andaina con moita ilusión e por iso queremos contar
contigo.
Únete a nós, sexamos unha ANPA forte.
Podes descargar a ficha de inscripción no seguinte enlace:
Unha vez
máis (esta é a segunda vez que o ensino esixe de maneira rotunda e unánime a
retirada da contrarreforma educativa) a participación das familias, profesorado e alumnado, nunha mañá de
dioivo que empapou os nosos corpos, baleirou as aulas nos centros de ensino
público na Costa da Morte contra a LOMCE.Unha lei que está ao servizo da exclusión social e da desigualdade.
Con iso
amosamos que as ANPAs da Costa da Morte non imos permanecer caladas unha vez
que a LOMCE xa pasou o trámite parlamentario do Congreso e foi enviada ao Senado. Non debemos esquecer que
a LOMCE pretende expulsar do ensino a
unha boa parte do alumnado (o que teña menos recursos), avanza na confesionalidade
e na privatización do ensino e é unha lei profundamente españolizadora , que
nega o dereito ao ensino en galego, e mesmo pretende rebaixar a calidade
educativa que o alumnado galego está a recibir na actualidade.
Para a federación
de ANPAs da Costa da Morte sabemos que é unha lei que nace cos días contados e
que vai directamente contra o corazón do sistema educativo público. Por iso
afirmamos que o conselleiro e o ministro de Educación son moi merecentes destes
agasallos reivindicativos en forma de mobilización masiva contra a LOMCE.Esa lei da que só
agardamos a súa retirada, por nacer cun diagnóstico de morte inmediata.
Xosé
Antón de la Fuente Subiela,
Presidente
da federación de ANPAs da Costa da Morte
Asina contra a LOMCE se pertences ao ámbito cultural ou a algunha asociación que desenvolva a súa labor nese ámbito
O sistema educativo que impón a LOMCE é un sistema afastado do noso país, da nosa cultura, da nosa historia e da nosa lingua, é dicir, de todo aquilo que nos conforma como pobo. Un sistema que pretende formar persoas desarraigadas que non se recoñezan no contexto que as rodea, converténdoas en analfabetas na cultura e mesmo na lingua que este país creou ao longo dos séculos.
Un sistema educativo público debe estar ao servizo das necesidades do país ao que pertence e debe estar vehiculizado na lingua propia para formar na súa cultura e para a súa cultura. A LOMCE pretende alienar e uniformar o alumnado galego cun traxe españolizador que lle impida recoñecerse como galego e coñecer a obra dos seu propio pobo e das e dos que singularmente destacan nel como creadores excepcionais.
Rexeitamos un sistema educativo que educa as persoas para ser emigrantes e que desvaloriza o propio como inservíbel e desapropiado. Non é posíbel respectar a diversidade, avanzar e mesmo construír outro mundo se non se fai desde o coñecemento e a estima do propio.
O sistema educativo debe ter como obxectivo prioritario o de dotar as xeracións futuras das ferramentas necesarias para se poidan educar na capacidade de análise crítica, no razoamento científico e desprexuizado, no laicismo, na solidariedade, na igualdade, na xustiza social, na equidade, no exercicio da democracia e da liberdade de expresión para así contribuír á transformación social, necesaria para conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria.
Dende federación de ampas da Cosa da Morte animan a secundar a folga do vindeiro día 24 e a participar manifestándonos contra a LOMCE.
As anpas, federación de anpas, profesorado, alumnado, sindicatos de ensinantes, plataforma galega ou colectivos en defensa do Ensino Público e os diversos sindicatos de estudantes, como membros da comunidade educativa, estamos mobilizándonos contra os recortes no Ensino. A cada paso fomos acadando máis apoio social e creando conciencia necesaria para defender e potenciar o ensino como garantía dunha sociedade máis xusta que loita contra as desigualdades e busca garantir a formación das novas xeracións. O obxectivo, como dixemos outras veces, é claro: na defensa do Ensino Público loitamos polo futuro das nosas fillas e fillos, das fillas e fillos do noso País.
Continuamos e así continuaremos animándovos a non deixarse levar polo desánimo diante das descualificacións que estamos a recibir, do ministro Wert, os distintos colectivos que estamos loitando contra a implantación da LOMCE.
A recente constitución da federación da Costa da Morte permitiu a organización colectiva das anpas de Bergantiños, Soneira e Fisterra, Costa da Morte para seguir pelexando polos dereitos do alumnado, das nosas fillas e fillos, de xeito colectivo e coa suficiente capacidade de auto- organización. Dese xeito, e colaborando con outras federacións de Anpas Galegas, poidamos manter e mellorar un sistema público de ensino axeitado ás necesidades da xente nova do noso País.
E nesa pelexa animamos a participar na folga xeral contra a LOMCE o 24 de outubro e no tempo que resta até ese día, podamos explicar as razóns que nos levan a rexeitar ese pernicioso proxecto de lei.