mércores, 16 de outubro de 2024

MANIFESTO - 11/10/2024

 

Aquí vos deixamos o manifesto que limos na concentración do día 11/10/2024.

Seguimos en loita, non paramos e non temos pensado facelo. Queremos que se compartan as nosas verbas, que se saiba a realidade. Non calemos, é o que queren.

AL É UN DEREITO, NON UN PRIVILEXIO!!

Lectura do Manifesto


Boa tarde a todos e todas.

Hoxe, tristemente, estamos aquí por segunda vez para defender os dereitos dos nosos fillos e fillas.

A nosa presenza é, lamentablemente, unha necesidade, pois despois de un mes xusto desde o inicio do curso escolar, o noso centro segue sen contar co profesorado tan necesario de Audición e Linguaxe (AL). Parece ser que a administración prefire ignorar o problema abandonando a aqueles nenos que máis apoio necesitan.

ASÍ É SEÑORES E SEÑORAS!! Estamos asistindo, en vivo e en directo, á morte anunciada da educación inclusiva, vítima dunha neglixencia crónica por parte das autoridades.

Por iso seguimos, enfrontándonos a unha administración que semella tan ausente como o profesorado que NON ENVÍA.

Os mestre de AL non son meres apoios como nos queren facer crer, senón que son uns profesionais cruciais, moi importantes, para o desenvolvemento, a integración e o benestar dos nosos fillos.

Por iso a nosa loita, por manter o que nos corresponde POR LEI e POR DEREITOS.

Sen embargo, a pesar da súa importancia, a pesar do dereito que teñen os nenos e da obriga que teñen as administracións por lei de mandalo ao centro, o conselleiro de educación non fai máis ca mentir.

No congreso e en directo, diante dalgunhas das familias dos nosos nenos, preferiu evadir o tema falando da AP9 e doutros temas que nada teñen que ver coa educación e menos con este tema en concreto. Non quere falar do tema, négase, porque sabe que está incumprindo a lei, sabe que temos DEREITO e xa sabía que non o ía mandar. Tamén dixo que en Laxe tiñamos un PT de máis, como se iso resolvese o problema e dándose golpes de peito, como se lle tiveramos que agradecer que nos manda máis recursos dos necesarios, que afortunados somos!!!, e dicir que non, que iso é FALSO, minte e minte, e, como sempre, mintamos que algo queda. Por que dicimos e sabemos que é mentira? Porque en primaria temos un PT, certo, e en secundaria outro. Pero iso señor conselleiro, é por lei por ser un CPI, centro público integrado. Iso está no seu catálogo, no catálogo asinado por educación da Xunta xunto cos sindicatos e que é público e todos podemos ver.

Parece que non ten coñecemento que un AL e un PT teñen funcións totalmente diferentes, non son o mesmo, pero iso, señor conselleiro de educación, non ver a diferenza entre ambos, di moito do cargo que ocupa.

Tamén minte o señor presidente da Xunta, pois aínda saía dicindo onte na prensa que aumentaran os docentes nos centros mentres que os alumnos diminuíran, que se melloraran os ratios e achaca a falta dos AL e PT nos centros galegoss á tardanza do profesorado do Programa Europeo para a Orientación (PROA). Temos que dicir que os problemas que estamos tendo desde o inicio do curso escolar señor presidente, non, non son porque aínda non chegara o PROA, pois sabe de sobra que acostuma vir en outubro e marcha antes da finalización do curso, a cuestión é que outro docente que SI que tiña que enviar a Xunta e desde o inicio do curso tan importante como o AL, aínda non chegou e dada a resposta do seu conselleiro no parlamento, non ten traza de chegar nestes días. Un recurso que non depende dos ratios do alumno/mestre, senón que depende das necesidades, as cales lle foron transmitidas e foron ignoradas por vostedes. E sabe que a lei di que teñen que enviar dito mestre si ou si.

Por iso señores e señoras, HAI QUE LOITAR, que non recorten, que cumpran a lei, non pedimos nada extraordinario, só unha educación digna e inclusiva.

E como o señor conselleiro sabe que minte, desvía os temas a outros como a AP9, temas que nada teñen que ver coa situación real dos nosos nenos, agardando que nos distraiamos con esas historias, que calemos, que veña a calma entre os pais e así queda todo no esquezo. Pois non, así non se calman as augas, por iso continuamos coa nosa reivindicación. Non nos vai despistar e non imos permitir que se continúe ocultando as carencias educativas que afectan ao máis prezado que temos, os nosos fillos e fillas.

E así, mentres a administración decide xogar ao despiste, os nosos nenos e nenas están perdendo valiosas oportunidades de aprendizaxe e socialización. A falta de profesorado de AL supón unha brecha inxusta na súa formación e afecta tamén ao resto do alumnado e profesorado, pois un centro incompleto non pode ofrecer un ensino de calidade.

Este é UN PROBLEMA REAL e a solución non pode ser ignoralo ou finxir que non é tal.

Semella que a educación inclusiva da que tanto presume nos discursos non é máis ca unha mentira cómoda para calmar conciencias. Por iso vimos nos xornais titulares de novas anunciando contratación de docentes, pero preguntémonos onde están eses docentes.

Ben, o que nos preguntamos é, se así é como saen nas novas a nivel Galicia, por que a nivel local non fan máis ca saír centros de toda Galicia con recortes en profesorado? Por que non, non somos nós só, está toda Galicia, as catro provincias, tamén nas cidades como Santiago, A Coruña, Vigo, Pontevedra e os que non sabemos.

Isto déixanos sensación de impotencia, pois as novas da falta de recursos só saen nos xornais a nivel local, ocultando unha realidade sombría do que realmente está acontecendo. As autoridades teñen unha falta de compromiso pola súa parte cando son os que deberían velar polo benestar educativo.

Preguntémonos entón, que clase de inclusión é esta que se predica tanto nos discursos oficiais, pero que morre no día a día dos nosos centros educativos?

ESTAMOS FARTOS DE PALABRAS VALEIRAS E DE PROMESAS INCUMPRIDAS

Non queremos titulares que pinten un panorama ideal, queremos SOLUCIÓNS REAIS E INMEDIATAS PARA OS NOSOS FILLOS E FILLAS.

Non deixaremos que a educación inclusiva se converta nun mero eslogan sen contido, queremos que sexa unha realidade. Non pararemos ata que o noso centro conte cos medios necesarios para garantir que cada neno e cada nena reciba a atención que merece. Estamos aquí, non só polos nosos fillos e fillas, senón tamén polo dereito de todos a unha educación xusta e completa. E se temos que continuar manifestándonos seguiremos, faremos ruído, queremos que se nos escoite, que se escoiten as



necesidades reais dos nenos e, algo moi simple, QUE SE CUMPLA A LEI! Se temos que estar aquí tódolos días, aquí estaremos. Non imos aceptar máis escusas nin máis evasivas.

Por unha educación digna e inclusiva!

Polos dereitos dos nosos nenos e nenas!

Non queremos máis desculpas, queremos solucións.

AL É UN DEREITO NON UN PRIVILEXIO!!!!!


 

Ningún comentario:

Publicar un comentario